O racismo non pode ser rosa

Buscando en internet debuxos en galego para lle pór á miña filla Helena atopei o seguinte título: “Pantera Rosa vs. Pintor Gallego”… Mesmo aparecía este nome (traducido ao inglés) substituíndo a cabeceira do que é o histórico primeiro episodio deste fabuloso personaxe: “The Pink Phink” (1964). O youtuber en cuestión utiliza o termo “gallego” do xeito no que os racistas en Arxentina e Uruguai o converten en sinónimo de parvo.

Neste capítulo a panteira e un pintor loitan denodadamente por conseguir impor unha cor (rosa ou azul) para pintar toda a casa. Nunha dinámica disputa sazonada coa marabillosa música de Mancini as forzas parecen empatadas. Comeza un divertido baile de inxenio por cambiar o ton das paredes que ata semella estar ofrecendo as táboas coa decoración bicolor dunha columna no medio da refrega. Pero cando ao pintor se lle ocorre como estrataxema definitiva cavar unha zanxa e enterrar na finca todos os caldeiros de pintura rosa… comezan a agromar matoxos, herbas, árbores… e o mesmísimo sol… todos de cor de rosa, como nacendo daquel enterro. O pintor rabea na derrota.

Gustav Jung dicía: “O que negas sométete. O que asumes transfórmate”.

Se cadra por iso o pintor perde a batalla cando decide enterrar os argumentos do seu contrincante (desoíndo a unidade dos contrarios, que dirían os materialistas dialécticos).

Se cadra por iso en Galiza non recoñecemos maioritariamente ser un dos pobos contra o que se practica o racismo aínda hoxe (nada menos que co uso do noso xentilicio como ferramenta…).

[comparto neste post o capítulo “The Pink Phink” coa súa cabeceira orixinal]

_20180318_030050Polo menos dous factores emparentan o noso mundo co medieval:

* Daquela os grillóns ataban aos oprimidos a un espazo (a terra dos señores). Hoxe apresan os corpos ao tempo (as débedas cos oligarcas).

e

* Daquela case todo o coñecemento pasaba pola obra de Aristóteles e os comentarios de Santo Tomás ás súas pasaxes. Hoxe apenas hai fluxo informativo que non pase polo monopolio dun pensador universal chamado Google e Facebook, un avezado escolástico.