A Amazona

_20181028_105520

A AMAZONA

Gañara o silencio dos gumes na batalla
con regueiros de sangue
abundante e inútil

Voltou á aldea
e falou coa voz clara de quen tivo que pesar a morte
-como quen agarra unha pedra de sal ardendo
e pega a pena para sempre en diminutos grans de dor
salgando coa verdade as palabras todas-

O corpo

_20180828_193221.JPG

O corpo sabe dicir quen somos

nunca pediu permiso para facelo.

Traduce a memoria,

o desexo,

a pena e a vontade

na maneira concreta de habitar o espazo.

 

O corpo fala máis de nós

que toda canta palabra sexa berrada

que non diga o que o corpo xa dixo antes.

A menciñeira Modesta

sketch-1535117811942

Mandounos coller un saqueto de sal en cada man
co puño ben pechado,
andar lixeiros polo carreiro adiante,
soltar a carga a medio camiño
e non mirar atrás.
Eu tiña seis anos e trinta verrugas nas mans
que tardaron sete días en marchar.
A señora Modesta xa non vive,
agora que os irmáns lle atopamos varios nomes
ao paseo que de nenos nos puliu os dedos
en Ferreira do Valadouro.

A bruxa cando quere levar algo por diante
envéxao
botándolle o piropo máis fermoso
para que a veciña entenda ben
que a gabanza desmedida trae un perigo seguro.
Despois a menciñeira vén á casa e bota fume
queimando nunha tella este remedio:
un pouco de romeu,
tres dentes de allo,
flor de lavanda
e loureiro que mirara o mar…
O aire baixo percorre os cuartos todos
coa porta de fóra e as ventás pechadas
para desfacer a desfeita.

Os peores criminais adiantan o que vai pasar
a modiño
cun marmurio meloso no oído,
roubándolle as artes ao amor
na sádica seducción
de quen administra viáticos co aceiro.
E se o doutor chegara a tempo
había cortar co máis afiado dos gumes
porque só pode sanar quen coñece
a forma da morte.

A Soberbia voa polos aires
que se pensan puros.